Publicador de contidos

Publicador de contidos

A secretaria xeral do PPdG dubida da vontade de acordo da oposición ante a reunión con Rueda

A secretaria xeral do PPdG dubida da vontade de acordo da oposición ante a reunión con Rueda

Paula Prado opina que a voceira nacional do BNG non "intenta buscar puntos de consenso"

A número dous do PPdeG aféalle ao secretario xeral do PSdeG comparar a sanidade galega coa situación de Ucraína

A secretaria xeral do PPdeG considera que o presidente do Goberno non recibe o presidente da Xunta porque "só atende a quen lle garante manterse na Moncloa"

G24.gal 05/06/2022 10:48 Última actualización 05/06/2022 14:48

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, pon en dúbida que da reunión de mañá entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os líderes da oposición poida saír algún acordo. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Prado considera que "dificilmente vai haber acordos" coas posturas previas tanto de Ana Pontón -voceira nacional do BNG- como con Valentín González Formoso -secretario xeral do PSdeG. 

"Eu por regra xeral, cando se trata de iniciar procesos de consenso, adoito ser optimista pero a realidade lévame a un estado pesimista".  

No caso da voceira nacional do BNG, Paula Prado aponlle que "non intenta achegarse e confluír coa realidade galega e intentar buscar puntos de consenso" e por iso entende que "non intenta converxer en nada cos problemas dos galegos e das galegas e intentar chegar a acordos co Partido Popular". No que atinxe ao secretario xeral do PSdeG,  Prado considera "terrible" a comparación entre a situación da sanidade galega coa da cidade ucraína de Khárkiv realizada por González Formoso. Para a secretaria xeral do PPdeG, ao socialista "fóiselle un pouco a man" e "iso xa nos está dando un pouco por onde van os tiros".

Sen data para a reunión entre Rueda e Sánchez

Un dos temas nos que a popular urxe a postura conxunta en Galicia entre Xunta e oposición é nos temas de interese para Galicia que dependen do Goberno central. Prado considera que a oposición "debería de sumarse" "poñer a Galicia por diante dos intereses partidistas". Do contrario,  avisa que "se o Partido Socialista o que pretende é poñerse coma sempre do lado do Goberno de Sánchez pasará o de sempre, que cada vez perde máis votos" mentres que no caso do BNG, "o Bloque do non"

Interrogada pola falta de data aínda para a primeira reunión entre o presidente do Goberno e o presidente da Xunta, Paula Prado opina que o motivo desta falta de convocatoria é "porque Pedro Sánchez está gobernando para el mesmo, está gobernando para manterse na butaca" e nesa liña -di- recibe a "quen lle pode garantir un mes máis na butaca, os independentistas, Bildu..". Algo que non vai facer, asegura, o presidente Rueda. 

"A Sánchez non lle interesa Galicia" 

Para a número dous do PPdeG, "a Sánchez non lle interesa Galicia", unha conclusión que tira tras asegurar que o plan do Ministerio de Transportes para as liñas de autobús estatais afectaría a "136.000 galegos" ou tras cualificar de "agravio con Galicia" que o Goberno central sexa reticente a transferir as competencias do litoral cando "están establecidas en idénticas condicións que as de Cataluña e as de País Vasco". Crítica que tamén traslada á repartición dos fondos europeos Next Generation e en concreto á situación de Stellantis e o PERTE da automoción. 

Manifestación polos eólicos

A secretaria xeral do PPdeG foi moi crítica co BNG ao que lle apón estar detrás da manifestación convocada pola plataforma "Eólica así non" para demandar unha alternativa enerxética aos eólicos. Para Prado é "o Bloque de sempre", "o do non", que -di- "non ten claro o modelo enerxético que quere". Para a popular, o "Bloque segue instalado no século pasado"

As municipais de 2023

A número dous do PPdeG recoñece que o reto principal que teñen por diante como partido son as eleccións municipais do ano que vén. Prado di que son "moi ambiciosos" e hai que "saír a gañar" e conseguir o maior número de votos, tamén nas cidades e vilas para tamén acadar as "deputacións".  Tal e como sinalara na Radio Galega o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, o obxectivo é ter pechadas "antes do verán" as candidaturas. Nas cidades grandes, non confirmou nome ningún daquelas onde aínda non hai candidato claro. Só o fixo na de Santiago, onde practicamente confirmou que Borja Verea, elixido presidente do PP local de Santiago será o candidato porque -explicou- "no Partido Popular as bicefalias non se adoitan dar" e o candidato adoita ser o presidente do partido, aclarou. 

Do resto de cidades coma Lugo, Ferrol, Ourense ou A Coruña e dos nomes que se especulan que poden optar a candidato, caso de Elena Candia, José Manuel Rey, Manuel Cabezas ou Miguel Lorenzo, respectivamente, Paual Prado limitouse a gabar os seus compañeiros e a destacar que se se fala deles é porque -opina- hai canteira. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade