A Policía Nacional detén tres homes e desartella dous puntos de venda de cocaína en Lugo
Segundo informa a Policía nun comunicado, nesta operación interviñéronse case 1.600 gramos de cocaína, máis de 1.800 euros de diñeiro en efectivo e útiles relacionados coa preparación e distribución de drogas
Os tres homes foron postos a disposición xudicial, un dos cales ingresou en prisión
A Policía Nacional detivo en Lugo a tres homes como presuntos autores dun delito de tráfico de drogas no desmantelamento de dous puntos de preparación, corte e venda de cocaína. Segundo informa a Policía nun comunicado, nesta operación interviñéronse case 1.600 gramos de cocaína, máis de 1.800 euros de diñeiro en efectivo e útiles relacionados coa preparación e distribución de drogas.
Este operativo iniciouse no mes de abril, tras investigacións policiais e recibirse información por parte dos veciños de distribución de cocaína na zona do barrio da Milagrosa. A finais de outubro, durante un dispositivo de vixilancia en torno ao domicilio dun dos investigados, obsérvanse por parte dos axentes intercambios de droga e de diñeiro, polo que se procede a realizar a intervención policial.
A un dos detidos intervéñenselle doses de cocaína e o outro home portaba diñeiro en efectivo en billetes de distinto valor. Ademais, houbo rexistros nun vehículo e varios domicilios nos que se localizou a droga, balanzas de precisión, unha envasadora ao baleiro, un localizador de posición, diversos teléfonos móbiles e útiles de manipulación de substancia estupefaciente.
Tamén se localizou unha plantación no interior dun inmoble de marihuana e numerosos décimos de lotería de Nadal. Os tres homes foron postos á disposición xudicial, un dos cales ingresou en prisión.