A pegada galega na Sagrada Familia, que alcanza a altura máxima prevista co remate da Torre de Xesús
A pegada galega na Sagrada Familia, que alcanza a altura máxima prevista co remate da Torre de Xesús
O granito galego está presente nas torres e tamén en distintos espazos do interior
A basílica da Sagrada Familia, a máis alta do mundo, segue medrando. Xa está rematada a Torre de Xesucristo, alcanzando os 172 metros e medio de altura. Foi necesario un traballo de precisión con guindastres para colocar a última peza da torre, 144 anos despois de poñer a primeira pedra, e coincidindo co centenario da morte de Gaudí.
Tanto na Torre de Xesús como na maxestosidade da Sagrada Familia está presente a pegada galega. O granito saído das nosas canteiras aliouse coa xenialidade de Gaudí para esculpir a igrexa máis alta do mundo. Coas obras a pleno rendemento, alí estaba a Televisión de Galicia para comprobalo.
"Buscamos en distintas partes do mundo pedras similares que todas xuntas nos dean unha carta de cores parecido ao da pedra de Montjuic", relata Carles Parras, arquitecto xefe de produción da Sagrada Familia.
O granito galego está presente en distintas columnas do interior da basílica, nas ventás das cubertas ou na súa parte máis icónica.
"As seis torres do ciborio central, que serán as máis altas, a de Xesucristo, a Virxe e os catro evanxelistas", enumera o arquitecto.
As propiedades do noso granito, similar a esa pedra de Montjuic que se empregaba nos inicios da basílica, fano propicio para unha obra inspirada na natureza. E para darlle forma, unhas mans galegas que pasarán a formar parte da historia.
"Somos especialistas, facemos todos os tipos de texturas, cortes, xeometría", asegura un dos canterios.
"Todos os que traballamos aquí teñen que formar parte, tes que pensar en conxunto para que isto tire para arriba", engade outro.
A pedra galega forma parte da eternidade.
A torre será inaugurada o 10 de xuño, coa visita do papa León XIV. Iso si, aínda quedan uns dez anos para ver completamente rematadas as obras desta basílica expiatoria, construída a base de doazóns.