Publicador de contidos

Publicador de contidos

A ONU documenta polo menos 441 crimes de guerra rusos en Ucraína

A ONU documenta polo menos 441 crimes de guerra rusos en Ucraína

"Hai sólidas indicacións de que as execucións sumarias documentadas no informe poderían constituír asasinatos deliberados, un crime de guerra", di o Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos

G24.gal 15/12/2022 11:03

O Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos Volker Türk presentou hoxe un informe da súa oficina no que documenta os asasinatos de polo menos 441 civís en Ucraína (341 homes, 72 mulleres, 20 nenos e oito nenas), que segundo el poderían constituír crimes de guerra por parte do exército invasor ruso.

"Hai sólidas indicacións de que as execucións sumarias documentadas no informe poderían constituír asasinatos deliberados, un crime de guerra", subliñou Türk ao presentalo nunha sesión especial do Consello de Dereitos Humanos sobre Ucraína.

O estudo, que presenta en detalle un centenar destes asasinatos, elaborouse despois de tres visitas sobre o terreo e céntrase especialmente en violacións cometidas entre o 24 de febreiro e o 6 de abril de 2022 en 102 localidades das rexións de Kíiv, Chernikov e Sumi.

"Nalgúns casos os soldados rusos executaron civís en lugares de detención improvisados, mentres que noutras ocasións o fixeron nas súas casas, en patios, en portais, ou en controis de seguridade sobre o terreo", indicou o alto comisionado austríaco.

As execucións perpetráronse mesmo en casos "en que a vítima mostrou claramente que non supoñía unha ameaza, por exemplo alzando as súas mans", engadiu.

Türk tamén indicou que o feito de que un 88 % dos asasinados fosen homes e nenos parece indicar que foron desproporcionadamente escollidos como vítimas conforme ao seu xénero.

O alto comisionado tamén denunciou na súa presentación outras violacións dos dereitos humanos por parte das forzas rusas, como ataques de vehículos armados e tanques contra edificios residenciais, que causaron máis mortes de civís.

Ademais dos máis de 400 asasinatos comprobados pola Oficina da ONU para os Dereitos Humanos, investigase mediante entrevistas a testemuñas e sobreviventes as denuncias doutros 198, entre eles 105 en Bucha, e proseguirá as súas investigacións nas rexións de Kharkiv e Khersón, subliñou o alto comisionado.

Non só se investigarán execucións senón tamén outras violacións denunciadas, que inclúen detencións arbitrarias, desaparicións forzadas, torturas, malos tratos e violencia sexual, agregou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade