Expertos recomendan evitar a interacción coas candorcas porque poden danar as embarcacións
Aviso dos expertos para navegantes ante o desprazamento de candorcas por augas galegas
O movemento de candorcas por augas galegas lévanos a preguntarlles aos coñecedores destes cetáceos que facer cando se avistan. O perigo está na interacción con elas e que acaben danando a embarcación.
Expertos e estudantes de distintas procedencias seguen desde o centro BDRI de investigación mariña no Grove, entre outros, a presenza de candorcas por augas galegas.
Non é que eses cetáceos se movan preto da costa, porque as candorcas están en tránsito fundamentalmente para procurar alimento. A súa presa principal, o atún, ten o hábitat en 80, 100 e ata 150 metros de profundidade.
Bruno Díaz López, biólogo director da Asociación BDRI para o estudo da diversidade mariña, di: "O venres xa constatamos bastantes grupos de atúns subindo á altura de Sálvora e o sábado deuse o caso da primeira das interaccións dun grupo de candorcas cunha embarcación de vela".
As longas viaxes, con paso por Galicia, que fan as candorcas tamén se deben a razóns sociais; encontrarse con novos grupos. E nese afán, algunhas mesmo entran na interacción co ser humano se este lles fai caso. Porén, ante o avistamento de candorcas, o máis recomendable para o navegante dun veleiro, por exemplo, é facer un alto na singradura.
"Non todas as candorcas se van achegar á nosa embarcación, pero haberá algunhas que poderán facelo para interactuar, nadar diante ou na popa da embarcación. Aí a problemática está en que, ás veces, poden ocasionar danos. Xa hai constatación de que poden ocasionar danos que mesmo poden supoñer quedar á valga. O que recomendamos é arriar velas ou deter a embarcación. De xeito que non xere unha atracción, un xogo. A dimensión destes animais e a súa actividade, se chegan a excitarse moito, poden ocasionar danos, por exemplo, no temón da embarcación", explica Bruno López.
Iso si, non hai constatación de que as candorcas poidan atacar as persoas.