Publicador de contidos

Publicador de contidos

A importancia do sector da pesca en Galicia, por Maite Cancelo

OPINIÓN

A importancia do sector da pesca en Galicia, por Maite Cancelo

G24.gal 27/09/2022 08:00

Dende que a Comisión Europea aprobou o veto á pesca de fondo e rexeitou a solicitude presentada por España, Francia e Irlanda para suspender a súa entrada en vigor (aínda que o Comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca se comprometeu a revisar esta decisión en función dos datos científicos que se presentarán en novembro), producíronse numerosas manifestacións políticas e, tamén, do sector en contra deste, xa que afecta a economía galega, en xeral, e, en particular, a numerosas comarcas do noso territorio.

O informe que elaboraron os profesores da Universidade de Santiago de Compostela, os meus compañeiros Mª do Carme García Negro e Gonzalo Rodríguez, así o demostran. As súas táboas input-output, permiten desagregar a produción do sector e establecer as relacións que manteñen con outros sectores produtivos.

A información que subministran é, polo tanto, moi relevante, xa que vai máis aló dos datos que coñecemos sobre o sector pesqueiro (número de buques, número de descargas de peixe, vendas ao exterior, nas propias lonxas...) e avanzan as relacións intersectoriais e o seu impacto en termos de produción e empregos indirectos que, de non existir esta actividade, desaparecerían.

A estimación que fan os autores do estudo falan de que o mar e as súas industrias teñen unha achega ao PIB galego do 5 % e que está relacionado con máis do 90 % das ramas de actividade da economía galega, incluída a grande expansión da industria transformadora, que xera valor engadido ao sector do mar.

Se descendemos aos principais protagonistas do sector, estes organízanse a través das confrarías de pescadores, que, ademais, forman parte da Economía Social galega. Así, temos 63 en Galicia, case o 32 % destas corporación no ámbito estatal, que teñen 11.494 afiliados/as (entre empresas e persoas traballadoras), cunha ampla presenza feminina (ao redor do 35 % do total). Do conxunto das afiliacións, o 6 % desenvolven a súa actividade nos sectores de arrastre, cerco e altura e grande altura.

Con relación á nosa frota, no ano 2021 tíñamos 4.276 buques, que representan o 49 % do total español e na Consellería do Mar alértase de que 200 destes barcos galegos quedarían afectados directamente pola prohibición aprobada dende Bruxelas, pero que esta podería afectar a 900 buques de artes menores, polo que tería unha grande incidencia sobre a actividade da nosa frota e tamén na do conxunto do Estado.

O impacto territorial do sector é innegable; moitas comarcas galegas viven da pesca e da súa transformación e xeran actividade económica e empresarial nas zonas onde están instaladas. O establecemento de vetos, como o que estamos a ver, terá consecuencias negativas non só no sector, senón na industria, pero tamén no transporte, nos servizos.

Para rematar, é incuestionable tanto o peso económico da pesca e o seu impacto territorial na nosa economía, como demostra o informe presentado, coma o negativo impacto de vetos coma o que propón a Unión Europea. Pero tamén hai que salientar que estamos a falar dun produto de alimentación de primeira necesidade, polo que calquera decisión que se adopte para mellorar o medio ambiente e protexer os espazos mariños debe ter en conta todos os datos e opinións científicas e non se pode basear nun único informe, que se elaborou con datos non moi actualizados e que non está a ter en conta a modernización e sensibilización dos nosos pescadores co mar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade