A Garda Civil comisa 70 kg de centola ilegal no porto de Caión
A Garda Civil comisa 70 kg de centola ilegal no porto de Caión
30 kg estaban fondeados e amarrados no cabo dunha embarcación
Outros 40 kg estaban ocultos nun alpendre no porto
Había xa tempo que a Garda Civil do Mar seguía de preto uns furtivos que pescaban na zona do Porto Caión, na Laracha.
"Pescadores non profesionais e non autorizados para a captura de marisco estaban obtendo importantes capturas de centola na zona. Démonos conta de que sempre que extraían produtos do mar deixábanos pendurados un tempo dunha embarcación deportiva fondeada no porto de Caión e posteriormente ían trasladando as capturas a un pendello do porto.
Apareceu unha tina con auga con aproximadamente 40 quilos de centola no seu interior, aviveirados e cun osixenador que lles permitía mantelos con vida.
Despois desenvolvemos a segunda parte do dispositivo cunha embarcación pneumática, achegámonos á embarcación fondeada e alí sacamos outros dous sacos con centola, polo que en total comisamos uns 70 quilos de centola", conta Héctor de la Roz, capitán xefe do Servizo Marítimo da Garda Civil da Coruña.
A actividade dos furtivos multiplícase nestas datas próximas ao Nadal. O marisco acada tales prezos que todo o mundo quere sacar tallada.
Nesta fin de semana, os vixiantes da confraría de Camelle comisaron outros 30 quilos de centola ilegal en Camariñas.
"As persoas que se dedican a este tipo de actividade soan aproveitar a cercanía do Nadal para facer estas capturas, en detrimento dos beneficios que debería obter o sector profesional", comenta De la Roz.
O marisco ilegal non ofrece garantías sanitarias e prexudica a economía das comarcas costeiras. Non consumilo é tamén responsabilidade nosa.