A frota de baixura, amarrada nos portos mariñaos polo temporal
En terra hai alerta amarela, con refachos de máis de 130 quilómetros por hora no Xistral
O temporal costeiro afecta tamén a comarca da Mariña, onde está decretada a alerta laranxa. Con vento do suroeste de forza sete, hai mar combinado con ondas de cinco a seis metros. Como resultado, a frota de baixura permanece amarrada nos portos mariñaos.
Jesús Lourido, xerente da Organización de Produtores do Porto de Celeiro: "Con este vento, a xente non saíu traballar e está sendo complicado que haxa no mercado peixe do día. O que si temos son cen toneladas de peixe, entre volanta e pincho de altura".
Este amarre dos barcos prodúcese nun contexto que dende o sector cualifican de desfavorable para a pesca de baixura debido ás vedas e ás cotas de determinadas especies.
Jesús Trinidad, motorista do cerqueiro Marino José: "O tempo agora está así. Unhas veces vale e outras non. Pero non estamos parados por iso, senón porque non temos cota. A sardiña penso que abre o día 20, o verdel non apareceu aínda e o chicharro non se pode pescar".
Tocante á terra, na comarca da Mariña hai alerta amarela debido á forza do vento. De feito, no concello de Muras chegaron a rexistrarse refachos de máis de 130 quilómetros por hora.