Publicador de contidos

Publicador de contidos

A contención do gasto público, por Venancio Salcines

A contención do gasto público, por Venancio Salcines

G24.gal 27/04/2023 09:36

Onte a Comisión Europea, a través da súa vicepresidencia económica, e o Banco de España, coas declaracións do seu director xeral de economía e estatística, lanzaron un mesmo relato: contención do gasto público. Ben é certo que non é sorprendente. É mais, nos últimos meses e cada vez con mais insistencia, parece ser o único discurso económico da Unión.

Parece evidente que o 2023 é unha fin de etapa. Terminan os orzamentos expansivos, onde todo o protagonismo parecía recaer sobre o gasto público e toca pasarlle a responsabilidade económica ao sector privado, e os fondos sen asignar dos Next Generation.

Algúns verán isto como unha mera decisión económica. Outros, con maior carga ideolóxica, e aquí seguro que está unha parte deste Goberno, entenderán que están ante unha transferencia de poder.

É previsible por tanto que a nova axenda económica de España, que debería ser pública cos orzamentos do ano que vén, que se debaterán a finais de ano, encontrasen, dentro do Consello de Ministros, oposición interna.

Onde si veremos un aplauso compartido é na decisión da Comisión de aceptar axendas individualizadas de axuste económico, é dicir, axustes á carta. Soamente existirá unha máxima, o axuste fiscal mínimo será do 0,5 %.  

É necesario para controlar a débeda española, que é a verdadeira ameaza, e non tanto pagala como asumir o seu servizo, é dicir, o peso dos seus xuros. Unha meta que non parece difícil de acadar a menos que os novos reitores da economía española se tiren aos brazos do populismo, o cal non parece previsible.

Con todo, a economía española terá que asumir debates moi incómodos, como o déficit do sistema de pensións, as políticas de subsidios sociais ou a apertura do mercado de traballo á inmigración.

Temas que, por lóxica económica, deberían entrar no próximo debate orzamentario pero tamén por pura lóxica, neste caso política, os candidatos as presidenciais quererán evitar. Así que, o que hoxe vemos non é mais que os deberes pendentes do próximo presidente do goberno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade