Publicador de contidos

Publicador de contidos

A China e Rusia únense contra a expansión da OTAN cara ao leste de Europa

A China e Rusia únense contra a expansión da OTAN cara ao leste de Europa

Piden á Alianza Atlántica que abandonen "os antigos enfoques da Guerra Fría"

Os presidentes reuníronse coincidindo coa inauguración dos Xogos Olímpicos de Inverno

G24.gal 04/02/2022 15:10

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, e o seu homólogo chinés, Xi Jinping, declararon este venres a unha soa voz a súa oposición ao que perciben como unha manobra de expansión da OTAN no leste de Europa e os seus intentos de "socavar a estabilidade doutros países", en velada referencia á tensión en Ucraína.  

Nun comunicado conxunto, publicado tras a chegada de Putin á capital chinesa para presenciar este venres a cerimonia inaugural dos Xogos Olímpicos de Inverno, Rusia e A China non só "se opoñen a unha maior expansión da OTAN", senón que piden ademais á Alianza Atlántica "que abandone os enfoques ideolóxicos da era da Guerra Fría, respecte a soberanía, a seguridade e os intereses doutros países".  

Esta declaración ocorre nun momento de enorme tensión entre Rusia e os países da OTAN pola acumulación de militares rusos na fronteira con Ucraína, prolegómeno dunha invasión, segundo os países da Alianza, con Estados Unidos á cabeza. Rusia nega que teña interese en ordenar unha ofensiva militar e acusa por contra á OTAN de incrementar a tensión de maneira artificial para xustificar unha manobra de expansión cara ao leste de Europa.  

Tanto Putin como Xi denuncian neste sentido e de novo en referencia á OTAN, a existencia de "estados individuais, alianzas ou coalicións político-militares" que actúan "en detrimento da seguridade doutros" co obxectivo de "fomentar antagonismo e a confrontación, socavar gravemente a orde da seguridade internacional e a estabilidade estratéxica mundial".  

Como parte das negociacións para desactivar a tensión, Rusia presentou unha serie de propostas por escrito que, a moi grandes trazos, pide á OTAN que verifique o seu papel como garante da estabilidade en Europa, en lugar de actuar como forza xeradora de conflitos.

Neste sentido, o presidente da China "apoia as propostas presentadas pola Federación Rusa sobre a formación de garantías de seguridade legalmente vinculantes a longo prazo no continente europeo", segundo o comunicado, publicado na páxina web oficial do Kremlin.  

Polo demais, o presidente de Rusia chega a Pequín para celebrar a proximidade "sen precedentes" nas relacións bilaterais entre ambos os países en pleno boicot diplomático ao evento de boa parte da comunidade occidental.  

"A nosa relación bilateral agora mesmo non ten precedentes no que se refire ao noso espírito de amizade e relación estratéxica", declarou Putin en comentarios televisados antes dun encontro a porta pechada co presidente Xi.  

"A relación entre ambos os países é un exemplo de boa veciñanza, que facilita o desenvolvemento mutuo", engadiu Putin en declaracións recollidas polo 'South China Morning Post'. Para o presidente ruso, "o fortalecemento das relacións" coa China non só "facilita a salvagarda dos intereses comúns entre ambos os países" senón que é fundamental para "a seguridade estratéxica mundial".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade