Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pelosi, en Taiwán malia a oposición da China: "Nunca vos abandonaremos"

Pelosi, en Taiwán malia a oposición da China: "Nunca vos abandonaremos"

A China advirte que a visita de Pelosi a Taiwán terá consecuencias e inicia manobras

G24.gal 03/08/2022 09:12 Última actualización 03/08/2022 10:01

Nancy Pelosi chegaba a Taipei sen avisar, desafiando tanto as advertencias de Pequín de que ía ter consecuencias a súa visita, coma os consellos da propia Casa Branca e do Pentágono para que non fose. Había 25 anos que un político do seu rango non viaxaba á illa asiática, sobre a que A China reclama a soberanía. Por tanto, a visita vén tensionar aínda máis as xa deterioradas relacións entre as dúas potencias mundiais. 

Á súa chegada, a presidenta da Cámara de Representantes dos Estados Unidos, a terceira persoa con máis poder no país norteamericano, foi recibida con pancartas e mensaxes de benvida nas rúas de Taipei, pero tamén con oposición.

Pelosi insistiu a través da súa conta de Twitter que a súa visita non cambia en absoluto a política estadounidense con respecto á illa. Engadiu que a solidariedade estadounidense co pobo taiwanés é máis importante ca nunca e que con esta viaxe honran o compromiso coa democracia. 

A presidenta da Cámara de Representantes reuniuse hoxe coa presidenta de Taiwán, Tsai Ing-wen, e proclamou que os Estados Unidos "non abandonará a Taiwán", illa que describiu como un "exemplo" para o mundo.

Pola súa banda, a presidenta taiwanesa, que condecorou a Pelosi coa Orde das Nubes Propicias polo seu "apoio" ao territorio, mostrou a súa esperanza de que Taiwán e os EUA "continúen o seu apoio mutuo" para facer que "a democracia brille de novo", á vez que agradeceu a Pelosi as súas "accións concretas de apoio a Taiwán nun momento crítico".

Como resposta a esta visita que consideran temeraria e provocadora, o ministerio chinés de Exteriores anunciaba o inicio de manobras militares con fogo real arredor de Taiwán, o peche do espazo aéreo e marítimo e unha concentración de forzas militares no estreito. 

A Casa Branca xa lle advertiu ao réxime de Xi Jinping que non usen esta viaxe como escusa para levar a cabo unha escalada de violencia pero insisten en que non buscan nin queren unha crise co país asiático. 

O representante permanente da China ante a ONU asegura que a visita de Pelosi supón un gran perigo e unha provocación para Pequín. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade