A borrasca Oscar produce asolagamentos e deixa 2.500 raios en toda Galicia
En Vila de Cruces caeron nun breve espazo de tempo 55 litros por metro cadrado
A borrasca Oscar situouse este xoves a carón de Galicia e deixou treboadas intensas en toda a comunidade. Onde máis no interior das provincias atlánticas. A marca bateuse en Vila de Cruces. Alí caeron nun breve espazo de tempo 55 litros por metro cadrado.
Foi onde máis choveu pero as trombas de augas repetíronse en boa parte da provincia de Pontevedra e na Coruña, nalgúns lugares acompañados de sarabia.
Outros rexistros importantes déronse no Porriño, con 44 l/m2 ou os 33l/m2 en Forcarei.
En Santiago ou Vedra caeron preto de 30 litros por metros cadrado.
Houbo inundacións puntuais e rebordamento de regatos.
Tamén asolagomento de aparcadoiros e rúas en Vigo onde a treboada volveu caer con forza por segunda vez na xornada.
De madrugada xa caera na cidade outra tromba que deixou 33 litros por metro cadrado.
Os mesmos problemas repetíronse en Ourense. No Carballiño non parou de chover en toda a tarde, ás sete e media levábanse recollido algo máis de 38 litros por metro cadrado.
En Vilalba, no campo de fútbol da Magdalena houbo que suspender o adestramento porque o terreo estaba enchoupado. A chuvia caeu con intensidade e afectou algúns baixos.
Na Mariña, a borrasca Óscar veu acompañada de aparato eléctrico e de pedrazo. En xeral afectou a toda a provincia lucense, onde as chuvias foron moi intensas desde primeiras horas da tarde.