Nove mil solicitudes para acollerse ás medidas de alivio das hipotecas
Os bancos manterán as cartillas de aforro para os maiores de 65 anos
Recupéranse sucursais no rural e duplícanse as oficinas con horario ampliado
Dous meses despois da súa entrada en vigor, os bancos que conceden o 97 % das hipotecas en España xa se adheriron ao código de boas prácticas impulsado polo Goberno ante o incremento das cargas hipotecarias.
Son extensións de prazo, períodos de carencia ou rebaixas nas taxas ás que poden acollerse as familias máis afogadas. Este xoves tocaba a primeira avaliación.
"Desde o mes de xaneiro de 2023 recibíronse 9.000 solicitudes, o cal supón que se multiplicou por 15 a media mensual de solicitudes baixo o código de boas prácticas anterior", explicou Nadia Calviño, ministra de Asuntos Económicos.
Na xuntanza coa ministra, as asociacións bancarias renderon contas sobre o seu compromiso para arranxar a ausencia de sucursais nos concellos de máis de 500 habitantes.
Alejandra Kindelán, presidenta da Asociación Española de Banca, explicou: "Eran 243 municipios, dos cales no primeiro trimestre xa cubrimos 79. Isto é chegar a atender 70.000 persoas cun punto físico nos seus municipios".
Tamén estiveron presentes as asociacións de usuarios, incluído o representante da campaña para loitar contra a exclusión financeira que moitos maiores senten ante a dixitalización da banca.
Carlos Sanjuan, impulsor da campaña Son maior, non idiota', admitiu: "Outra das cousas que me alegrou moito: o compromiso firme de que a cartilla de aforro vai seguir vixente para todos os maiores de 65 anos porque esa cartilla non ten alternativa".
Un ano de protestas serviu tamén para que os bancos duplicasen as oficinas, que volven ter horario de caixa de 9 a 2.