Publicador de contidos

Publicador de contidos

Uns 5.300 millóns de teléfonos móbiles acabarán no lixo antes de fin de ano

Uns 5.300 millóns de teléfonos móbiles acabarán no lixo antes de fin de ano

Amoreados, farían unha torre de 50.000 quilómetros, 120 veces máis aló da Estación Espacial Internacional

Os aparellos electrónicos conteñen recursos importantes que poderían reutilizarse en novos dispositivos, e reciclalos é crucial para a transición ecolóxica

G24.gal 13/10/2022 18:06 Última actualización 14/10/2022 09:01

Uns 5.300 millóns de teléfonos móbiles deixarán de usarse este ano, pero, a pesar de estar fabricados con valiosos materiais, só unha mínima parte será reciclada. O resto acabará en colectores, incinerados co lixo ou soterrados nun caixón.

Se os amoreásemos, con eses 5.300 millóns de aparellos poderíase construír unha torre de 50.000 quilómetros, 120 veces máis aló da Estación Espacial Internacional e unha oitava parte do camiño á lúa.

E é que, a pesar de conteren ouro, cobre, prata, paladio e outros compoñentes reciclables, sorprendentemente, os teléfonos móbiles son un dos compoñentes electrónicos máis acaparados polos consumidores.

Para pescudar por que os fogares e as empresas non reciclan nin reparan os aparellos electrónicos e eléctricos en desuso, o consorcio que agrupa as empresas que xestionan a súa reciclaxe levou a cabo unha enquisa. 

Os seus resultados difundíronse este xoves, horas antes do Día Internacional dos Residuos Electrónicos, que se celebra o 14 de outubro.

As enquisas fixéronse entre xuño e setembro de 2022 en 8.775 fogares da UE.

Por países, os máis acumuladores son Italia (29 %), Países Baixos (17 %), o Reino Unido (14 %), Eslovenia (12 %), Romanía (9 %), Portugal (8 %), Líbano (4 %).

Canto aos motivos, os europeos acumulan RAEE porque pensan que poderían volver utilizalos no futuro (46 %), para vendelos ou regalalos (15 %), polo seu valor sentimental (13 %), porque poderían ter valor no futuro (9 %), porque non saben como reciclalos (7 %), por falta de tempo ou porque prevé usalo nunha segunda residencia (3 %) ou porque contén datos sensibles (2 %).

Só en 2022, os pequenos artigos como teléfonos, cepillos de dentes eléctricos, torradoras e cámaras producidos en todo o mundo pesarán un total estimado de 24,5 millóns de toneladas, catro veces o peso da Gran Pirámide de Gizeh, segundo datos do WEEE Forum.

O peor é que estes aparellos conteñen recursos importantes que poderían reutilizarse en novos dispositivos electrónicos, turbinas eólicas, baterías de coches eléctricos ou paneis solares, e que son "cruciais para a transición ecolóxica e dixital cara a sociedades con baixas emisións de carbono", puntualiza o WEEE Forum.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade