"As seguintes semanas serán difíciles", di Zelenski, ante a intensa batalla no Donbás
"As seguintes semanas serán difíciles", di Zelenski, ante a intensa batalla no Donbás
Zelenski volve pedir a Occidente armamento moderno e avións de combate
Un veterano diplomático ruso deixa o posto en Xenebra, di que avergoñado do seu país
Ucraína sufriu máis de tres mil ataques aéreos dende o inicio desta guerra, que fai agora tres meses. Milleiros de persoas xa o perderon todo, ou case, por esta contenda. Xente como Maria Maiashlapak, de 82 anos. Conta que estaba rezando para que Deus a protexera, cando escoitou un ruído forte e lle caeu xeso sobre a cabeza. Polo menos, está viva.
Niguén destruíu o Donbás como está a facer Rusia agora, segundo Zelenski, que di que están morrendo entre 50 e 100 militares do seu exército cada día aquí.
As seguintes semanas van ser difíciles e hai que mentalizarse, asegura o presidente ucraíno, que insiste en que non hai máis alternativa que loitar.
E volve pedir a Occidente armamento moderno e avións de combate. O secretario de defensa estadounidense fala de intensificar esforzos. Anunciou que vinte países prometeron subministración a Ucraína.
O ministerio de defensa ruso fai o seu propio balance do que chaman operación especial. Entre os datos que dá, o portavoz Konashénkov di que destruíron 177 avións, 125 helicópteros e máis de tres mil tanques e vehículos blindados, e insiste en que son obxectivos militares.
En tres meses poucas disensións se viron dentro da administración rusa. Nunha insólita declaración, un veterano diplomático, Boris Bondarev, conselleiro da misión permanente de Rusia ante a ONU en Xenebra, dimitiu con un comunicado en que di que nunca se sentira tan avergoñado do seu país como o 24 de febreiro deste ano. Agora é considerado un traidor polo Kremlin.
Que consideración terán os prisioneiros de Azovstal é aínda unha incógnita. O líder da rexión separatista de Donetsk di que os xulgará por crimes de guerra un suposto tribunal internacional en proceso de creación.
Son declaracións feitas o día en que remataba o primeiro xuízo por crimes de guerra que se celebrou en Kíiv. O soldado ruso Vadim Shisimarim foi declarado culpable de matar un civil desarmado o 28 de febreiro e condenado a cadea perpetua. O seu avogado recorrerá contra a sentenza.