A Xunta pide reparar con urxencia a presa que abastece a Vigo e o Concello esixe solución en dous días
A Xunta pide reparar con urxencia a presa que abastece a Vigo e o Concello esixe solución en dous días
A Consellería de Medio Ambiente asegura que a falta de mantemento pon en risco o abastecemento de auga
O alcalde sinala que o coidado do encoro é competencia da Administración autonómica
A Xunta e o Concello de Vigo esíxense reciprocamente unha solución para os problemas que se acaban de descubrir na presa de Eiras e que poden pór en risco o abastecemento de auga á cidade.
Dúas das catro válvulas do encoro, instaladas en 1977, teñen defectos e cada organismo culpa ao outro de ser o responsable da falta de mantemento. A Xunta xestiona a presa dende 2023 pero asegura que o Concello puxo atrancos para poder revisar a maquinaria e que por iso non foi ata este ano cando se puideron inspeccionar as válvulas.
O Goberno vigués négao e sinala que no acordo entre as dúas administracións é Medio Ambiente a que ten a obriga de coidar as instalacións.
"A min Augas de Galicia trasládame que hai unha situación moi complicada froito do desleixo que se tivo", alerta a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.
"Teñen que botarnos a culpa dicindo que se obstaculiza o seu traballo, quen? Que dean os nomes para ir denuncialo inmediatamente aos tribunais", retruca o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Unha das válvulas está rota e oxidada. A outra ten unha fuga. A Xunta asegura que deben repararse para garantir o funcionamento do encoro. Se non, a medio prazo, podería complicarse a subministración de auga á zona de Vigo.
Imaxe dunha das válvulas da presa de Eiras que presenta defectos e que foron instaladas cando se construiu o encoro, en 1977.
Medio Ambiente pide unha reunión urxente para organizar a reparación das válvulas. A conselleira envioulle unha carta ao Concello na que alerta de que está en risco o abastecemento para catrocentas mil persoas. O alcalde de Vigo asegura que é unha obra relativamente doada, que custaría uns cen mil euros e podería estar lista, trámites incluídos, en catro meses.
"Como non cambian esas válvulas? Se en dous días non dan solución, cambiámolas nós", asegura Caballero.
"Non é un problema, é un problemón. Froito de moitos anos de non levar ningún mantemento", insiste a conselleira de Medio Ambiente.
A presa de Eiras subministra o oitenta por cento da auga potable de Vigo e tamén abastece outros concellos da zona, dende Redondela ao Porriño e Cangas. Coas chuvias das últimas semanas acaba de chegar ao oitenta por cento da súa capacidade, despois de varios meses de seca.